Friday 10 de May de 2024

Comezan as obras da senda peatonal en Coroso


O Concello de Ribeira comezou as obras para crear unha senda peatonal bordeando o arroio Saiñas ata o Paseo Marítimo de Coroso. O proxecto ten un presuposto de 151233,69 euros e está integrado no marco da estratexia DUSI cofinanciado nun 80% con fondos FEDER.

A senda conectará a Avda da Coruña coa Praia de Coroso xerando un espazo mixto, con predominio para o peatón, potenciando a mobilidade alternativa e potenciando os espazos verdes para o uso cotián da veciñanza.

“O novo camiño fluvial será de acceso exclusivo para peatóns e ciclistas; e contará con mobiliario urbano para dotar esa ubicación de zonas de estancia con mesas e bancos” explicou o alcalde Luís Pérez, quen xa visitou o comezo das obras. “A senda, que terá 297 metros de lonxitude, ten como propósito a posta en valor do arroio e o seu entorno natural.”

Este desenvolvemento peatonal está plantexado para conectar os supermercados cos centros de estudios, dous espazos que actualmente se atopan separados pola marisma.

Asimesmo, realizarase unha actuación de limpeza nese entorno co propósito de recuperar e protexer o ecosistema natural, así como poñer en valor o río mediante a incorporación dunha nova pasarela de madeira.